La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei o sábado en Celanova cun grupo de amigos vendo como se pode restaurar a casa de Curros Enríquez. Visitamos o edificio e comentamos os planos cos arquitectos. En xeral, as propostas destes últimos parecéronos moi ben, con lixeiros retoques que eles aceptaron de boa gana, sen facer unha cuestión de honor das diferenzas. Por dentro, a casa é un bo exemplar da arquitectura do século pasado, que se vai deixar como está, restaurando soamente o que haxa que restaurar. En especial, a min gustáronme as escaleiras, que se atopan nun bo estado de conservación, e unha lareira magnífica, que quedará integrada nunha sala grande de traballo.

Por certo que cando estabamos vendo as escaleiras, Alonso Montero e mais eu recordamos un episodio da vida de Curros, sucedido precisamente naquel lugar. Segundo aseguran os biógrafos do poeta, o pai deste, coñecido en Celanova polo alcume de Calcorra, un día arreboloulle ao fillo desde o alto cun braseiro ardendo. Todo porque, ao parecer, o rapaz derramara un tinteiro por riba dun prego de papel.

A min, non obstante, Calcorra nunca me pareceu tan malo como o pintan nos libros. Din que era gordo, pequeno e feo; que tiña o nariz ganchudo; que o xenio rabudo o volvía intratable; que militaba no carlismo feroz; que maltrataba a muller; que bebía como un pelexo; que andaba detrás das mozas, con al gunhas das cales chegou a ter algún fillo bravo. E outras cousas que non recordo. A verdade é que non se sabe de onde saíu o pano para facerlle ese traxe, pois o mesmo Curros recoñecía que non era mala persoa. Probablemente só fose nervioso, que é como a inocencia bondadosa de Fole lle chamaba á mala uva.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de maio de 1998.