La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día coñecín unha rapaza que entende de problemas relacionados coas patoloxías da linguaxe, un asunto que debe de ser moi interesante, pero do que non sei absolutamente nada. Nin sequera podería falar cinco minutos seguidos dunha cousa da que falan moitos profesores e psicólogos, iso que os expertos chaman dislexia. Unha vez, nun lugar da provincia sueca de Halland, nunha pedra situada ao aire libre, vin unha palabra escrita polo soberano daquel país, que en vez de firmar como “kung”, que significa “rei”, puxo “knug”, que non quere dicir nada. A persoa que me acompañaba díxome que precisamente iso era un efecto disléxico.

Como o encontro coa rapaza da que falo foi fugaz, non tiven tempo para facerlle preguntas que hai tempo me gustaría aclarar, aínda que quizais non pertencen á súa competencia. Por exemplo, eu tiven un compañeiro de estudos que se puña como tolo cada vez que alguén pronunciaba diante del a palabra “ovella”. Era como se lle botasen sal nunha ferida. Por suposto, non diciamos outra cousa.

En Santiago había tamén, hai anos, unha señora tranquila e moi boa, completamente normal, que enlouquecía se alguén dicía diante dela a palabra “archipiélago”. Como traballaba nun café, nas partidas de cartas ese era o termo favorito dos xogadores, só por amolar. A este respecto, non recordo se son os árabes ou os chineses os que din que as feridas causadas coa lingua son peores que as ocasionadas polo sabre. Talvez, aínda que eu prefería recibir unha ofensa verbal antes que un ataque con arma branca. Sobre todo porque os insultos son moi cómicos. Entre outras cousas porque aos insultadores se lles pon cara de navalla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de maio de 1999.