La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No mesmo centro de Nova York, a escasos metros da parte sur de Central Park, nunha esquina da Quinta Avenida, hai un restaurante chamado Lespinasse, no que se ve moita xente gorda, especialmente homes de negocios. Non se trata de xerentes de empresa, case todos delgados e preocupados polo peso, senón de auténticos propietarios, a maioría deles indiferentes ás cuestións da imaxe, devoradores de patés, consumidores infatigables de pan con manteiga salgada, devotos, en fin, das cremas, dos pasteis e das natas.

Ata hai pouco aínda, os clientes deste coñecido restaurante remataban os seus feroces xantares cun habano inmenso nas mans. Era o momento en que un se decataba de que hai gorduras que non proceden da gula, senón de algo que quizais se poida chamar ceba. Só así se explica que os dedos cheguen a ser como chourizos.

Desde o pasado mes de abril, está prohibido fumar no comedor do citado restaurante, igual que sucede en todos os demais da cidade. Con ese motivo, algúns clientes descubriron o pracer de facelo no retrete, ás agachadas, saboreando deste xeito o resaibo morboso da ocultación. O malo vai ser cando, por idénticas razóns de saúde, se prohiba consumir produtos ricos en colesterol, tan perniciosos como o tabaco. Non parece unha hipótese absurda. Veremos onde se esconden entón os gordos para comer os patés.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de maio de 1995.