La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O próximo día 4 empeza a viaxe da que falei aquí o outro día. Cen escritores de corenta e sete países imos recorrer unha parte de Europa en tren, desde Lisboa a Berlín, pasando antes por Francia, Bélxica, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Rusia, Bielorrusia,  Polonia de novo e Alemaña. No tren van viaxar varios equipos de televisión, que filmarán todo canto ocorra alí dentro, sempre contando co permiso dos interesados. Menos mal. Non me equivoquei moito, polo tanto, cando, nun artigo anterior, medio en broma medio en serio, dixen que aquilo podía acabar como o programa Gran hermano. Deus nos colla confesados.

Mentres tanto, eu non penso máis que en resolver os problemas prácticos que se van presentar nesta viaxe. En primeiro lugar, un asunto de maletas, pois recomendan non levar máis que unha por persoa e quedan excluídos os baúis. Tranquilízame saber que está asegurado un servizo de lavandería e que diso non hai que preocuparse.

Logo está o asunto de mandar este artigo todos os días. Onte pola mañá fun consultar cos que saben destas cousas e, ao revés do que eu pensaba, todo está resolto desde o punta de vista técnico sen ningún problema. Explicáronmo, non entendín nada e pedín que me fixesen unha demostración. Meteron unha especie de tarxeta no ordenador, colocaron nela a tarxetiña do meu teléfono móbil e iniciaron a proba. Efectivamente, funciona moi ben, de maneira que podo enviar o meu traballo desde o tren, desde o deserto, desde un taxi ou desde o banco dun parque. Que ninguén me pregunte máis, nin sequera como se chama o aparato. Para min é simplemente iso, un cacharriño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de maio de 2000.