La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nun periódico de Madrid o artigo dun amigo intelixente. Ao chegar ao final decátome de que é dinamita raposamente colocada no medio do corazón dun candidato ás próximas eleccións xerais. Coñezo ben o autor desas liñas e sei como pensa, por iso me resulta difícil de entender os motivos que o levaron a escribilas. Descarto que fose o cinismo e tampouco me parece que todo se deba a unha actitude oportunista, pois téñoo por un home honesto, probado ademais en situacións ás veces moi difíciles, das que sempre saíu airoso e digno.

Así que leo o artigo por segunda vez e observo que o ton dominante non é a intelixencia, o cal non quere dicir que esta lle falte ao escrito, senón a brillantez, unha borracheira de enxeño que deseguida se impón pola agudeza malabar do sarcasmo empregado e pola graza que o autor derrocha nunha fervenza sonora de argumentos divertidos. Máis que crítico, o texto é deslumbrante; tamén velenoso.

De repente, entendo. O artigo non pretende meterse con ninguén, simplemente aspira a demostrar que o autor é moi listo. É dicir, que se trata de despregar o rabo e ensinar a fermosura das plumas, igual que ocorre con esas fiestras policromadas que non permiten ver o que pasa na rúa, pero que chaman a atención sobre a beleza delas mesmas. Non está mal. Non obstante a un gústanlle máis as ventás transparentes. Diluído na limpeza do cristal, o articulista non ten que inventar a realidade. Abóndalle con mostrala.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de maio de 1993.