La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo que era un día moi frío, aínda que non nevaba. Eu pasara un par de horas no centro da cidade, en Halmstad, facendo compras e lendo o periódico nun café antigo, entre vellos pescadores melancólicos e solitarios. Cando volvín á casa, ao chegar, observei que o coche do neno, que daquela tiña uns meses, estaba no xardín, pero non supuxen que se atopara el dentro, pois a temperatura non pasaba duns oito graos baixo cero. Un par de minutos despois, ao entrar no salón, xa me decatei de que me equivocara.

Custoume aceptar aquel costume. Logo, andando o tempo, xa me pareceu normal que os rapaciños suecos pasasen o día durmindo nos xardíns, ben abrigados, pero con  temperaturas criminais arredor. Tamén me afixen pronto a entender que moitas nais os deixaran nos coches ás portas dos restaurantes polas mesmas razóns.

Por iso me resultou tan cómico ler nos periódicos estes días que nos Estados Unidos lle quixeron retirar a custodia da súa filla a unha turista danesa que deixou o coche coa nena fóra dun restaurante, mentres ela vixiaba desde dentro a través dunha ventá. Supoño que nos países escandinavos a xente debeu de quedar estupefacta. Pasar a vida preocupados polos pequenos, desenvolvendo prácticas aconselladas polos médicos, para que a ignorancia dun xuíz americano os considere pais irresponsables…

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de maio de 1997.