La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, cando este país era difícil para case todos e imposible para moitos, vivía en Santiago, alá pola rúa de San Pedro, un home humilde e pobre que tivo a desgraza de caer enfermo de gravidade. Como se trataba da súa propia vida, acudiu a un médico de sona e de prestixio, no que atopou un dobre consolo: por un lado, devolveulle a saúde; por outro, non só non lle cobrou nada, senón que lle pagou os medicamentos e o axudou en moitas outras cousas. Non sabía como, pois carecía de bens, incluso dos máis elementais, pero quería corresponder á súa maneira con quen se tiña portado con el dun xeito tan humano e tan cariñoso.

Pasado algún tempo, cando a saúde lle permitía levar novamente unha vida normal, un día, aquel señor presentouse na consulta do médico para darlle as grazas e facerlle un obsequio. El mesmo, coas súas mans, fabricara unha gaiola pequeniña, feitas de cachiños de cana recortados quizais do rabo dunha escoba vella. Unha gaiola preciosa. Dentro, meteu un cacho de leituga e un grilo.

Aquel grilo, primorosamente coidado, viviu moito tempo na casa de Domingo García-Sabell, no barrio da Rosaleda de Santiago. A el, a quen un paciente chegou a regalarlle un coche, debeulle de parecer, polo que eu sei, o regalo máis valioso de todos cantos recibiu ao longo dunha vida na que, como dicía Otero Pedrayo, a xenerosidade se practicou sempre sen trompetas. Onte pola noite, cando lle estaban entregando a Domingo o seu premio, durante os discursos, eu acordeime moito daquela gaiola pequeniña e daquel grilo. Tiña a impresión de que recordando aquel episodio, lle facía unha homenaxe ao meu amigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de maio de 1998.