La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a mañá de onte no colexio público de Alxén, en Salvaterra. Os alumnos de cuarto elixíronme como padriño do seu curso, puxéronlle o meu nome a unha aula e colocaron na porta, ademais, unha caricatura miña que encargaron a un caricaturista de Madrid. Antes tiven que falarlles, primeiro, e responder a unha batería enorme  de preguntas, despois. Chamoume a atención que estivesen tan caladiños e que preguntasen tanto e tan ben. Unha rapaciña quixo que lles dixese algo en sueco e aproveitei para aprenderlles a dicir gracias, que se di “tack”, a poder ser, repetido como se fose unha metralleta. Foi unha das aventuras de toda a mañá.

Cando chegou o turno de firmarlles, un por un, nunhas cartolinas onde viñan pegadas estas columnas que escribo aquí, despois de poñer o nome deles e a continuación o meu, todos me dixeron con seriedade o mesmo: “Tack”, algúns na fórmula máis sinxela, pero outros facendo a metralleta, como lles dixera antes durante a charla.

Cando xa saía, nas escaleiras estaban sentados os máis pequenos, acompañados dunha profesora. Nada máis verme, viñeron correndo, puxéronse arredor e empezáronme a amosar os debuxos que acababan de facer: retratos meus divertidísimos, nos que aparecía case sempre cun puro na man ou na boca. Escuso dicir que pasei unhas horas moi gratas, asombrado de que un grupo de nove profesores poidan realizar un traballo tan excelente. Durante o xantar, unha delas díxome que estes nenos e estas nenas non esquecerán na vida un día como este. Probablemente. Con certeza, eu tampouco o poderei olvidar. Nunca sospeitei, cando empecei a escribir, que isto fose tan fermoso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de maio de 2000.