La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A última vez que asistín a un bautizo quedei sorprendido dos progresos tecnolóxicos que se teñen feito no seo da propia igrexa. No momento en que o cura se dispuña a botar a auga sobre a cabeza do neófito, un raio de luz baixou do ceo para iluminar con claridade e precisión a pía bautismal. Naturalmente, non se trataba de ningún fenómeno de tipo milagroso, senón dun pequeno mando a distancia que o señor abade levaba na man e que fixo posible aquel gracioso detalle. No fondo, todos o agradecemos: víase mellor.

Non foi a única modernidade incorporada ao rito cristián. Con bo criterio, alguén acordou que un pequeno artiluxio parecido a un quentador en miniatura, discretamente oculto nunha parte non visible do templo, podía evitarlle aos meniños o rigor dunha bategada de auga fría castigando a suavidade indefensa das súas cabezas.

Antes disto, xa tiña visto noutros lugares candeas eléctricas, explicacións turísticas con auriculares, equipos de megafonía ao servizo dos predicadores ou mecanismos de esmolas accionados por moedas. É dicir, toda clase de avances, uns máis afortunados que outros. Non imaxinaba que as cousas acabarían chegando ata iso que contaban onte os periódicos: un cura italiano contestando desde o altar, en plena misa, a unha chamada feita ao seu teléfono móbil. Excesivo, a non ser que o chamasen urxentemente desde o ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de maio de 1995.