La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Despois de enviar o artigo de onte, no que contaba que Tony Curtis dixera nunha ocasión que bicar a Marilyn Monroe era peor que bicar a Hitler, asaltoume a dúbida de se non sería Humphrey Bogart quen pronunciou esa frase. Desde logo, eu prefería que fose o primeiro. Non descubro ningún segredo se digo que desde o final de Casablanca, cando Rick lle pega un tiro ao maior Strasser para facilitar a fuxida de Victor Laszlo e a súa muller Ilsa, co cal perde a esta, a quen ama, Bogart forma parte das miñas devocións máis firmes.

De maneira que me puxen a consultar libros de cine, disposto a resolver esa dúbida. A cousa non resultou nada fácil porque, conforme ía lendo, atopaba episodios divertidísimos, unha razón suficiente para que se fose demorando a solución do problema. Finalmente non aclarei o asunto, pero pasei un par de horas magníficas.

Coa esperanza de que non fose Bogart o autor da frase estúpida que lle atribuín a Curtis, acabei descubrindo unha historia daquel que non coñecía. Un día, mentres bailaba con Lauren Bacall, esta queixóuselle de que un soldado lle tocara o traseiro. Indignado, o actor foi pedir explicacións, pero cando viu que o interfecto estaba con outros tres, preferiu chamar a policía e pecharse nos lavabos. Só cando chegaron os axentes, se puxo a dar berros de furia. Non me parece mal; a prudencia adoita ser virtude dos intelixentes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de maio de 1995.