La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1970, durante unha reunión mantida no célebre Hotel Algonquin, o máis literario dos hoteis de Nova York, unha serie de relevantes críticos de cine norteamericanos puxeron verde a David Lean, o director de películas como Lawrence de Arabia ou A ponte sobre o río Kwai. Un deles, falando en nome do grupo, díxolle que o filme que acababa de estrear, A filla de Ryan, era bullshit, palabra que os que saben inglés coñecen ben e que os demais non terán demasiadas dificultades para adiviñar.

O caso é que David Lean quedou tan deprimido que tardou catorce anos en dirixir unha nova película. Eran tempos nos que os críticos do ramo tiñan un poder inmenso, inxusto e desmesurado, tanto que podían destruír carreiras, acabar con directores e impoñer como normas intocables os seus particulares gustos ou caprichos.

Cando os críticos acudían a ver o pase previo dunha película, había especialistas das empresas dedicados a observar os xestos que facían: unha cella que subía, un movemento dos labios, un sorriso tan leve como o voo dunha mosca… Agora leo que parece que andan deprimidos e que a súa autoestima se arrastra polo chan. Bótanlle a culpa á falta de calidade do cine actual. De todos os xeitos, se queren curar a depresión, non debían descartar como causa a nostalxia dos tempos aqueles nos que mandaban tanto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de abril de 1997.