La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Madrid e Alcalá para asistir ao acto de entrega do Premio Cervantes a Jorge Edwards, un bo amigo. Gustoume o seu discurso, intelixente, sinxelo e breve, tres virtudes que non sempre van xuntas. O público correspondeulle cun aplauso cheo de afecto. El estaba tranquilo, como corresponde a un home afeito a todos os protocolos vividos ao longo da súa intensa actividade diplomática en Cuba, na UNESCO, en París con Pablo Neruda. Era a mesma tranquilidade que se experimenta falando con el, pois pertence a esa clase de persoas que transmiten paz. Por iso, nas súas palabras non podía faltar tampouco o humor, tan cervantino.

Pola tarde, fun á recepción do Palacio Real. Aquel é un bo sitio para atoparse cos amigos, os cales non resultaría fácil velos así, a todos xuntos, se non fose por ocasións como esta, unha vez ao ano. O que sucede é que igualmente se bota de menos os que xa non acoden ou porque teñen moitos anos ou porque xa non están, como Torrente.

Nestes saraos nunca se aburre un. Abonda con mirar e fixarse ben. Este ano, por exemplo, cando subía con Pepe Hierro polas escaleiras de Palacio, decateime de que Berlanga, que ía diante de nós, levaba os zapatos bastante sucios por detrás. Logo entretívenme en observar a case todo o mundo e puiden comprobar que esa deixadez está moi estendida entre os homes. Iso mesmo lle pasaba a Juan Cruz, a Mingote, a Armas Marcelo e a algúns máis. Supoño que terá que ver coas présas ou con que agora xa non se lle dá tanta importancia a iso. Ao marchar, cando baixaba as escaleiras reais, por casualidade, observeime a min mesmo. Decateime de que tiña os tacóns dos zapatos comidos, feísimos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de 2000.