La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O taxista que onte me levou ata Barajas era falador, algo filósofo e pensador político. Por exemplo, estaba convencido de que o Senado só serve para que os seus membros gañen medio millón de pesetas* ao mes, metan as súas queridas tamén de senadoras e así lles resulten gratuítos os amores clandestinos. Polo que respecta ao Goberno actual, integrado por unha panda de ladróns, o máis razoable sería que os ministerios se repartisen entre os distintos partidos, de maneira que uns se vixiasen aos outros.

Se del dependese, o Tribunal de Contas estaría presidido por un militar, que os hai moi intelixentes e honrados, para controlar os gastos do Goberno. Polo demais, no terreo da práctica política, o Concello de Madrid funciona agora moi ben, desde que puxeron de alcalde a un catedrático e botaron ao anterior, que non tiña estudos.

Foron vinte minutos de discurso, interrompidos apenas durante uns segundos para ofrecerme a lectura do ABC, que traía a noticia da morte de Nixon, apartado da presidencia por mentir, segundo me informou, para engadir a continuación que en España os mentirosos non dimiten nunca. Botei de menos que a viaxe non durase máis, aínda que o coche era pura carraña, un desastre no borde mesmo da indignidade. Vese que as receitas para resolver os problemas do país exclúen de momento a decencia do seu taxi.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de abril de 1994.

(*) Tres mil euros