La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Durante moitos anos vinos saír daquel local coa cabeza gacha, intensamente colorados, como se viñesen de facer algunha cousa vergonzosa. Era sempre sobre as seis da tarde. Saían en tromba, como vomitados pola porta, eles e unha nube densa de fume de tabaco, e logo íanse dispersando en solitario pola rúa do Paseo. Detrás quedaba o barullo de cuncas, vasos e cadeiras: a actividade nerviosa dos camareiros que preparaban o pase da noite. Estou falando do cabaré La Bilbaína, de Ourense.

Desde que o pecharon, hai xa máis de trinta anos, só quedaba en toda España un local da mesma natureza: El Oasis, en Zaragoza, a desaparición do cal anuncian agora. Así como non tiven ocasión de coñecer por dentro o cabaré da miña cidade natal, este último visiteino en cambio catro ou cinco veces polo menos.

Nunca fun á capital aragonesa que non me levasen a ver ese espectáculo. Era unha especie de revista pobre, cun humor burro que provocaba berridos de cabra entre o público, composto en boa parte por soldados. En canto a erotismo, cousa de grasa e colgadura. Todo regado ao final cunha canción en honor da Virxe do Pilar, que a xente aplaudía co mesmo fervor que antes lle dedicara ás señoritas da diversión. Alguén acaba de dicir que con ese cabaré desaparece unha parte da cultura española. Pode ser, pero eu non penso chorar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de abril de 1995.