La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que teñan estado en Florencia, seguramente saberán que no centro da Praza da Señoría, que é o corazón civil da cidade, hai no chan unha placa redonda de bronce que recorda o lugar exacto onde estivo cravado o poste de madeira no que aforcaron a Savonarola. Nunca pasei por alí sen achegarme a ver ese pequeno recordo funerario que, por outra parte, se complementa moi ben cun cadro famoso da época, de autor anónimo, no que se ve ao célebre frade no momento da súa execución pública.

Nunca me resultou simpático este home, tan fanático e agresivo, polo menos verbalmente. Mandou recoller polas casas espellos, afeites das mulleres, colares, pendentes e pulseiras para facer logo o que el mesmo chamaría a “fogueira das vaidades”, que ardeu no sitio onde o queimarían a el uns anos despois.

A pesar de todo, como digo, nunca pasei por Florencia sen dedicarlle ese pequeno recordo. Outras veces, con máis tempo, visitei tamén a súa cela no convento de San Marco, onde o prenderon. O motivo desta devoción por unha figura histórica que non me gusta é pola súa extraordinaria intelixencia e pola ignominia que cometeron con el, a quen torturaron durante un mes antes de matalo. No corazón, ademais do lugar que temos para aqueles a quen amamos, hai sitio tamén para aqueles a quen compadecemos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de abril de 1997.