La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os brasileiros, que soportan unha inflación que supera o mil por cen anual, andan metidos estes días nunha das campañas políticas máis divertidas do século, o cal tampouco é para desprezar, dado o dramatismo que empezan a ter as consultas e as confrontacións electorais na Europa dos nosos días. O próximo mércores van decidir se volven á monarquía ou se prefiren seguir coa república. Non se trata tanto de resolver un problema real da sociedade brasileira, como de saír dun deses labirintos absurdos onde tantas veces se meten algúns políticos.

Como era de esperar, a campaña vaise convertendo pouco a pouco nun entroido. De súpeto, moitos brasileiros, que toman a monarquía de don Pedro Gastón e os demais pretendentes como unha carnavalada máis, acaban de descubrir que votando polo rei, poden fastidiar un pouquiño os que mandan. É un tipo de reacción electoral que vai gañando adeptos por todas partes: labazada ao poder a través de cara interposta.

Os monárquicos preséntanse divididos, o que xa parece inevitable nas familias reais que un día deixaron de reinar. Un mal asunto. Parece, en cambio, que acertaron co argumento principal da campaña: os brasileños son partidarios da monarquía aínda que non o saiban. Esa é a razón de que aos ídolos populares os bauticen sempre da mesma maneira: o rei Pelé, a raíña Xuxa, os reis do carnaval… Todo o que ten valor ou mérito leva no Brasil ese nome por diante. A cousa parece sinxela: conseguir simplemente que a don Pedro lle chamen tamén o Rei.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de abril de 1993.