La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día 7 de xullo do ano 1983, pola noite, despois de atravesar a cidade soviética de Ereván nunha flota de automóbiles oficiais que non se detiñan nos semáforos, o escritor Joan Perucho e mais eu chegamos a unha fermosa residencia situada na caída dun monte, onde ceamos co alcalde e outras persoas. Foi unha cea oriental e pantagruélica, rodeados de músicos que tocaban mentres nós comiamos e que de cando en vez descansaban nun banco de madeira que había detrás, caladiños e arrimados contra a parede.

O costume armenio do brinde obrigábanos aos invitados a poñernos de pé cada poucos mintuos para dicir unhas palabras de retórica cortés. Cando eu xa non sabía de que falar, viñeron no meu auxilio os preciosos ollos mouros da señora que tiña do outro lado, que ela me agradeceu cun sorriso e o seu home cun discurso.

Tratábase do presidente da Unión de Escritores, Varges Petrosián, que debía ser un pouco golfo de máis. Aproveitou a quenda para pedir o ingreso do alcalde na asociación, aínda sen ser escritor, porque unicamente un verdadeiro poeta podía dirixir unha cidade como Ereván. Lin onte no periódico que o mataron a tiros: algún desgraciado que lle quería mal. Seguro que os ollos mouros daquela muller do brinde están hoxe arrasados de lágrimas. O cinismo destes golfos simpáticos raramente aniña no medio do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de abril de 1994.