La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando fun ver as cegoñas á Lagoa de Antela, tamén vin bastantes ánades reais. Hai moitos anos, a xente andaba a tiros con eles e a punto estiveron de desaparecer para sempre. Eu coñecín un cazador que lles tiña rabia e que os mataba por odio, porque dicía que acababan coas ras, o seu prato predilecto. Este señor, que xa morreu, falaba dos patos como se tivese con eles algunha cuestión de inimizade persoal. Unha vez oínlle dicir que se houbese inferno para bichos, estes irían todos alí.

Eu nunca souben que os patos comesen ras. Quen si as comía con gula insaciable era este home do que falo, que collía caldeiros colmados delas e nunca cansaba. Para el, non había marisco que se puidese comparar con aquel bocado exquisito, o mesmo frito que guisado, unha opinión que a min non me custaría compartir.

Para collelas, utilizaba unha cana con varios cebos e nunha ocasión, cando andaba ao seu, viu un cubo de plástico cheo de ancas, que un amigo del tiña apartado á beira da auga mentres faenaba perto do lugar. Sen dubidalo, o lambón colleu o produto e saíu correndo como un carteirista, perseguido polo outro. Non parou ata que chegou á casa e se pechou dentro para papar o roubado. Desde logo, depredador por depredador, el era peor que os patos. Estes, ademais, non tiñan escopeta para espantar a competencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de abril de 1996.