La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación co artigo de onte, no que falaba da vellez, un amigo díxome que lle parecera algo pesimista, impresión que eu non teño, en parte porque non vexo esa etapa da vida como unha desgraza. O meu avó Herminio, por exemplo, que viviu máis de noventa anos, foi sempre un vello alegre e contento, tanto que unha vez, quizais na última ocasión na que falamos, uns días antes da súa morte, díxome unha cousa sorprendente: que fora e era feliz. Tamén me dixo que só lle quedaba un pequeno detalle para que a vida fose boa con el ata o final: morrer sen darse conta. Así foi. Servíronlle o almorzo na cama, botouse a durmir e non espertou.

Coa miña avoa pasou algo parecido. Foi unha vella festeira, que aos oitenta anos se apuntaba a calquera diversión, que con frecuencia organizaba ela mesma. Era tan alegre que levaba un sorriso permanente na boca, que lle daba a aparencia de ser moito máis nova. Pola maneira de rir, para o cal utilizaba os ollos e a cara enteira, podíase dicir que tiña vinte anos. Debía ser a idade do seu espírito.

E por non moverme do contorno familiar, xa falei aquí outra vez dun tío meu que acabou a carreira de violín pasados os noventa anos e que, cando eu lle dixen de broma se empezaría pronto a dar concertos, deixoume asombrado coa resposta: “Non. Agora vou ver se fago a carreira de piano”. Como hai un par de anos que non o vexo, ignoro se andará metido neses novos plans, pero supoño que si. Polo tanto, eu non teño unha visión pesimista da vellez, simplemente que me dá a sensación de que vou ser un vello algo escéptico para moitas cousas, especialmente as grandes, pero bastante entusiasta para outras, especialmente as pequenas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de abril de 1999.