La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos coñecín un antigo axente da CIA, oficial xubilado do exército americano, con quen cheguei a manter algún trato. Rifamos de forma bastante violenta uns días antes do golpe de Estado que deu Pinochet contra o goberno de Salvador Allende. Entón decateime de que a curiosidade literaria que espertara en min o personaxe non merecía a pena cambiala polo rexeitamento moral que me inspiraba o seu apoio a uns plans que incluían, segundo el mesmo proclamaba, a necesidade de sacrificar a vida do presidente chileno.

Era brutal e carecía de complexos. Dono, en cambio, duns magníficos dotes de narrador oral, describía a súa actuación na guerra de Vietnam cun rigor de detalles que, á parte dos calafríos que producía a pintura dos episodios máis salvaxes nos que tiña participado, o acreditaba como un tipo insensible e arrogante. O fotógrafo Pepe Suárez dicía del que era unha mula con cascos de prata.

Desde logo, se todos os axentes da CIA son como aquel home, non me sorprende nada que o plan estratéxico para derrubar a Saddam Hussein fose un fracaso e que o novo presidente dos Estados Unidos decidise recortarlle o presuposto. Non se explica que con medios que permiten ler as matrículas dos coches desde un satélite, non alcanzasen aínda o obxectivo programado. A non ser que este pase por pegarlle un tiro ao ditador entre ollo e ollo. Esa sería, sen dúbida, a proposta daquel bárbaro. Ata se ofrecería voluntario.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de abril de 1993.