La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado escoiteille dicir a un amigo que el lera nalgún sitio a noticia de que un home escribiu a Biblia nunha faba. Algúns dos presentes botáronse a rir, aducindo que unha cousa así sería absolutamente imposible. Un pintor que estaba na reunión aportou datos a favor da posibilidade de tal empresa: parece que para ese tipo de escrituras microscópicas hai unhas plumas que teñen o grosor dun pelo e que as persoas que se dedican a estas fazañas traballa con lupa, ademais de que dispoñen dun pulso de ferro.

A min estas probas de habilidade humana para a extravagancia non me custa nada aceptalas, pois creo que neste campo non está marcada a fronteira do imposible. Desde que existe a televisión, temos visto xente capaz de saltar por riba das leis da lóxica: o mesmo comer pratos que atravesar o corpo con agullas, por exemplo.

A conversa na que se contou o asunto da faba coincidiu con que ese mesmo día estiven vendo unha biblioteca de dous mil volumes, unha selección das obras máis importantes da literatura universal, metida enteira nun pequeno disco compacto de doce centímetros de diámetro, todo polo prezo de dez mil pesetas*. O que me fastidia é que me vexo convertido nun coleccionista de obxectos raros feitos de papel e que estas manías son sempre carísimas.

(*) 60 €

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de abril de 1994.