La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O caos do que falei onte aquí tivo moitos máis episodios dos que contei. En realidade, foron tantos e tan variados que me serviron para levar con certa tranquilidade unha situación que se prestaba facilmente a perder a cabeza. De feito, víanse moitas persoas alporizadas, sen control sobre a súa indignación, dicindo e facendo cousas que noutras circunstancias serían incapaces de asumir. Por exemplo, un señor que, diante de min, co rostro acendido pola color encarnada da cólera e coas veas do pescozo infladas, propuña coller os pilotos todos, sen excepcións, e fusilalos. Levaba horas e horas no aeroporto e falaba xa como un tolo.

No autobús que nos trasladou a Madrid, mentres agardabamos que arrincara, o condutor púxose a contar chistes, a verdade é que con pouca graza. De pronto, xurdiu a voz tronante dun señor que lle dixo a berros que se deixase de pallasadas e que puxese o motor en marcha. Naturalmente, díxollo doutra maneira, empregando unhas palabras máis contundentes, propias dun diccionario secreto.

Ameazas de morte, escoitei varias, xeralmente dirixidas a xente que nada tiña que ver con aquel inmenso desaguisado. Propostas de queimar o aeroporto, catro ou cinco. Non escoitei a ninguén, en cambio, que reclamase a fin do mundo, pero estou seguro de que ese pensamento andou rondando pola cabeza dalgún enlouquecido. Digo isto porque vin un señor falando só, cos ollos voltos cara ao ceo, con menos aspecto de estar rezando  que de reclamar con furia un castigo divino para un mundo tan disparatado. A pesar de todo, non pasou nada. O home, esa herba tan fráxil, que dicía Cunqueiro, pérdese pola boca. Pero sálvase polo corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de marzo de 1999.