La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Ourense para presentar un libro no Liceo. Cando me dirixía ata o antigo pazo de Valladares, sede daquela institución, detívenme na parte da fachada máis próxima á Praza Maior na procura dos buracos que alí houbo durante moito tempo, lembranza dos tres disparos que acabaron coa vida dunha muller alá polos anos cincuenta. Eu mesmo cheguei ao lugar do suceso no momento en que a morta, rodeada de xente, aínda estaba tendida no chan. Creo que fora o seu home, enlouquecido e comido polos ciumes.

En varios días non se falou doutra cousa na cidade e a noticia ocupou as primeiras páxinas dos periódicos durante unha semana, por diante dos grandes acontecementos da vida política internacional. Teño a impresión ademais de que a xente sentía pena, tanto pola señora morta como polo marido, ambos os dous dignos de lástima.

Antes matábase en familia, xeralmente pola explosión incontrolable dalgún odio vello, quizais por unha paixón amorosa, mesmo pola cobiza ardente dos cartos. Cousa humana. Así pensaba George Orwell, que estaba convencido da degradación que se produciu no mundo do crime. Eran mortes con sentido, incubadas no corazón, aínda que este fose un niño de víboras. Os asasinos matan hoxe sen odio, coa mesma trivialidade epidérmica que fuman un cigarro. Por iso non ocupan as primeiras páxinas dos periódicos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de marzo de 1994.