La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día vin neste mesmo periódico a foto dun estafador. Tiña aspecto elegante e simpático, como case todos os que pertencen a esa clase de delincuentes, ao revés do que sucede cos sablistas, que en xeral teñen cara de gafes. Estes últimos abundaban nos anos vinte, cando o nivel de vida das clases medias era moi baixo, e volveron aparecer despois da guerra. Os estafadores, en cambio, proliferan nas épocas de prosperidade, pois unha boa estafa require que haxa diñeiro polo medio e ganas de invertilo.

Un dos sablistas máis coñecidos que houbo en España foi un escritor chamado Pedro Luis de Gálvez, que era un verdadeiro mangante. Din que se valía da guía telefónica para seleccionar as vítimas e que, cando morreu, ía no R. Se a cousa fallaba, trasladábase a Segovia, onde o bispo sempre lle daba tres pesetas.

Vese que o prelado nada sabía dun truco sacrílego que empregaba, axudado por Gonzalo Seixas, que era de Ferrol. Un dos dous metíase a morrer na cama, mentres o outro avisaba as Damas Protectoras do Agonizante para que lle trouxesen a extremaunción. Así lambían unhas moedas. Na guerra, Pedro Luis de Gálvez converteuse nun matón, dos que operaban do lado da República. Gómez de la Serna conta que, polo menos nunha ocasión, fixo algo bo: salvoulle a vida a Ricardo Zamora. Aínda así, era un desgraciado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de marzo de 1996.