La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No mes de xullo do ano 1992, nun hospital bosnio ingresaba branco e sudoroso, co peito partido pola metade por unha dor punzante, un home novo, con aspecto de músico ou  pintor, que fora sorprendido polo repente cando estaba traballando. Durante horas, os médicos loitaron para salvarlle a vida. Non se trataba dunha persoa calquera. Cando finalmente lle chegou a morte, co corazón fendido polo infarto, polos tránsitos do hospital víanse persoas chorando. Acababa de morrer un home querido por moitos.

Era Jovan Raskovic, un dos teóricos do nacionalismo serbio. Foi el quen elaborou a doutrina que serviu para acender, como el mesmo dicía, aquel potente detonador. Psiquiatra de profesión e membro da Academia Serbia de Ciencias, este médico valeuse dos seus coñecementos para incendiar os corazóns dos seus compatriotas.

O seu pensamento era sinxelo. Os croatas, afeminaos pola relixión católica, sofren un complexo de castración que os incapacita para exercer a autoridade. Os musulmáns son vítimas de frustracións rectais que os levan a amasar fortunas e a refuxiarse en actitudes fanáticas. Os serbios, en cambio, afectados polo complexo de Edipo, constitúen unha casta de guerreiros: por iso deben dominar os demais pobos iugoslavos. O peor de todo é que debaixo desta parvada hai miles e miles de mortos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de marzo de 1994.