La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días tiven a ocorrencia de querer comprar un libro que procuro desde hai anos, pero que ata agora non atopara. De pronto decateime de que con internet podía ter a oportunidade, a pouco que me puxese a buscar. Non me equivoquei. En poucos minutos, apareceu nunha librería do Brasil, a un prezo ridículo,  arredor de oitocentas pesetas (5€ aprox.). Seguín ao pe da letra as recomendacións que ían aparecendo na pantalla, ou sexa, introducir o meu nome, o meu enderezo e o número dunha tarxeta de creto, e cando tiven a confirmación de que todo estaba ben, confirmei o pedido. Non me decatei, sen embargo, do máis importante.

Resulta que un libro, ao ser remitido desde Brasil ata aquí, ten uns gastos de envío: unhas oito mil pesetas aproximadamente (48€), que non sei se é moito ou pouco en relación co custe real, pero que a min me pareceu un disparate. Igual que se por comer un bombón ou un xeado, larpeiradas que me gustan case tanto como ler, pagase ese diñeiro.

De primeiras, sentinme parvo. Despois pensei que é moito peor fumar un puro, algo parecido a queimar diñeiro. Non me serviu de consolo porque, como son fumador de puros, só conseguín acentuar o sentimento inicial. Por iso acabei recorrendo á idea de que, despois de todo, o valor das cousas é un artificio. Por exemplo, por que o cadro dun pintor pode valer sete mil millóns de pesetas? Por que alguén pagou aínda hai pouco un millón de dólares por uns zapatos de Marilyn Monroe? Son dous argumentos que me tranquilizaron. O problema agora é se o libro non me gusta. Por iso non o empezo. Así teño a ilusión da espera. Cando pense que xa me ilusionei por oito mil pesetas, empezarei a lelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de marzo de 2000.