La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, paseando por Segovia, vin unha cegoña espléndida empoleirada no alto dunha cheminea. Estaba tan alta que ninguén se podería atrever a causarlle ningún mal. En Xinzo de Limia, en cambio, nas terras desecadas da antiga Lagoa de Antela, aniñan en lugares baixos. O ano pasado, observei unha que vivía nunha árbore duns dous metros, situada ademais nun sitio dedicado á extracción de area, entre máquinas e motores, con camións que ían e viñan e xente que facía ruído e que berraba.

Recentemente, no Barco de Valdeorras, vin dous exemplares na torre dunha igrexa. Explicáronme que se aclimataron tan ben naquela comarca que xa non marchan durante o inverno. Comentando isto cun amigo moi sensible aos problemas do medio ambiente, díxome que esta é unha proba de que agora somos máis civilizados.

Que melloramos no respecto aos animais paréceme un feito certo, aínda que non convén tirar conclusións demasiado optimistas. Digo isto porque precisamente as cegoñas non son o mellor exemplo posible. Non recordo en cal dos campos de exterminio nazis, unha delas construíra o niño na cheminea dun dos fornos crematorios. Foi a maior preocupación do director daquel inferno, que fixo esforzos sobrehumanos para que non lle sucedese nada ao pobre animal. A sensibilidade pode ser tamén desta maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de marzo de 1997.