La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño unha idea de que debeu ser alá polos anos cincuenta cando unha parella de mozos trouxo á miña vila o costume de collerse de ganchete, unha cousa que ata entón só podían facer os casados. A moda aprendérona en Madrid e decidiron importala, o cal lles causou algúns desgustos por escándalo. Logo, co tempo, foise impoñendo pouco a pouco. O salto seguinte, dunha audacia que moitos aínda recordarán, consistiu en collerse da man. Tampouco este novo costume se abriu paso sen desgustos nin protestas.

Eu aínda recordo a cara dunha señora, no barrio ourensán da Ponte, que un día nos insultou a unha rapaciña e a min, daquela un par de adolescentes, por irmos collidos da man paseando pola rúa. Chamounos asquerosos. Non fomos dos peor parados, pois houbo quen pagou multas por un bico ou acabou na comisaría.

Acórdome disto porque acabo de ler nos periódicos o lío que lle están armando a unha actriz exipcia á cal acusan de aparecer espida nun cartel. En realidade, as únicas partes do corpo que amosa na fotografía son os brazos e as pernas. Terá que sufrir por iso, non obstante, aínda que algún día, non se sabe cando, no seu propio país, todo isto parecerá ridículo. De momento, os máis túzaros solicitan que a condenen a tres meses de cárcere. Confeso que me sorprendeu a petición: pensei que quererían matala.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 1996.