La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non tiven a sorte de coñecer a Ignacio Ellacuría, o xesuíta español asasinado no Salvador, pero amigos meus que o trataron, algúns deles moi de cerca, coinciden en que a morte non o debeu sorprender demasiado, sobre todo cando se decatou de que nin os bispos, despois do atentado contra monseñor Romero, quedaban a salvo da brutalidade arrogante dos militares.

Desde entón, Ellacuría esperaba o golpe, aínda que probablemente, el que era un home bo, non puido imaxinar que aquel acabase sendo tan cruel e tan salvaxe. Os militares chegaron de noite, cos rostros cubertos, como bandidos, e foron directos ao cuarto de Ellacuría, que aínda debía estar esperto, quizais lendo ou escribindo. A empurróns levárono ata o patio da universidade onde residía e alí mesmo o liquidaron. El era o verdadeiro obxectivo, o centro exacto do odio. O resto dos mortos, simple trámite, puro bulto para satisfacer o rancor e aproveitar a viaxe.

Unha comisión internacional acaba de demostrar que a orde de asasinar o xesuíta partiu do xeneral Ponce, xefe do exército, un oficial de ron e banana, estratego de camilla reiteradamente humillado por unha guerrilla de adolescentes inexpertos. A morte de Ellacuría, un home indefenso e pacífico, será para sempre o seu baldón, unha ignominia da que non poderá librarse. Está por ver, non obstante, que este Napoleón dos tempos modernos, este Alexandre Magno, non viva un suceso tan miserable como a maior fazaña da súa vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de marzo de 1993.