La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esa señora bosnia que polas noites ve o inferno desde a cama na que xace desde hai cinco anos, asegura que naquel horrendo lugar non hai lume, como ela pensara sempre, senón frío. Polo buraco estreito e longo por onde se lle presenta a visión cada madrugada, chégalle un vento frío que se lle mete nos pulmóns e que lle doe como se un formigueiro de cristais xeados a percorrese por dentro. Entón ponse a rezar para que Deus a libre daquela dor insufrible, pero o demo fai ruído para que os rezos non se escoiten desde o ceo.

O barullo que arma o diaño está feito só cunha lata, pero é tan grande que a muller pensa que vai acabar tola. Ao final, sempre sucede o mesmo: nunha esquina aparece o profeta Elías, que estende unha man cara ao buraco por onde se ve o inferno, pecha o tubo e o cuarto énchese dunha caloriña doce e morna, moi agradable.

Os veciños da señora están divididos respecto do suceso. Mentres a maioría cren que se trata dun prodixio, hai outros que son máis escépticos. Entre estes últimos, un velliño que vive no piso de abaixo díxolle o outro día aos periodistas que el non cre en milagres, pero que tampouco lle importa que a cousa dure, pois aínda que a lata do demo mete moito ruído, en cambio esa caloriña que a súa veciña lle atribúe ao profeta Elías tamén lle chega a el ata o seu cuarto e permítelle botar unhas cabezadiñas todas as noites.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de marzo de 1994.