La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había tempo que non se daban as protestas entre a xente nova, pero como todo volve, agora xorde un movemento novo, de tipo anarquista, nos Estados Unidos. Curiosamente, ten a súa sede central no estado de Oregon, que hai uns anos era un dos máis conservadores do país. Eu aínda recordo unha carta que lle escribiu Antón Risco a Arturo Lezcano, alá a principios dos anos sesenta, desde aquel estado, onde era profesor, contándolle cousas divertidísimas sobre as súas alumnas, que en vez de vestidas, andaban acoirazadas, nunha época na que precisamente en Europa se iniciaba a revolución que tiña como lema Fai o amor e non a guerra.

Contaba o Antón naquela carta que un amigo seu, europeo coma el, lle fixera unha proposición descarada a unha alumna, con palabras educadas, iso si, e a pobre da moza desmaiouse e quedou sen sentido durante uns minutos co medo que pasou. Cando se recobrou, Antón, que era amigo dela, díxolle: “Non fai falta desmaiarse. Basta dicir que non”.

A nova revolución non ten nada que ver cos costumes nin co sexo, senón co poder. Os rapaces están irritados coas multinacionais, cos bancos e cos gobernos, e fan ben. Supoño que a largo prazo non conseguirán nada, pero alguén ten que recordar de cando en vez que no mundo hai demasiadas trampas e inxustizas e que nos periódicos se contan moitas mentiras. De momento estes rapaces da protesta rachan escaparates. Hai uns días lin nunha revista americana que un petroleiro lle regalou a unha moza un sostén de diamantes. E a gasolina segue subindo. Amólame que parte do prezo do depósito que enchín onte servise para pagar ese artefacto. Como para marchar a vivir a Oregon.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de marzo de 2000.