La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha das casas que Pablo Neruda tiña en Chile, creo que na de Santiago, hai un cadro pintado por un dos grandes pintores mexicanos amigos del, talvez Siqueiros, que ten trampa. Aparentemente, pasa por ser un retrato do poeta, pero se a un lle descobren unhas poucas claves, como fixo para min o conservador daquela mansión convertida en museo, resulta que no lenzo aparece tamén Matilde Urrutia, que durante algún tempo foi o amor clandestino do escritor, cando este aínda estaba casado con Delia del Carril.

Sobre esta acaba de publicarse en Chile unha biografía. Era unha señora de familia rica, nacida na Arxentina, que desde moi nova se sentiu atraída polo canto, a literatura e o partido comunista. Por todos eses camiños chegou a Pablo Neruda, casado entón cunha muller enorme, que non ensinaba para non meter medo.

A Delia del Carril bautizouna o poeta co nome de La Hormiga. Tiña trinta anos máis que o seu home, de maneira que cando este aínda non cumprira os corenta, ela xa rondaba os setenta. Ao saber que Neruda se vía con Matilde, Delia retirouse  discretamente. Viviu en Santiago de Chile, convertida nunha gran dama, ata os cento seis anos. Pinochet declarouna indecente e quitoulle a casa. Con todo, puido sobrevivir porque outra indecente, Matilde, lle mandaba unha pequena pensión mensual, sen que ela soubese nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de marzo de 1998.