La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pola noite estiven en Ourense para participar nunha mesa redonda sobre Castelao, que congregou na sala a máis de trescentas persoas. Mentres escoitaba os meus compañeiros de mesa e observaba alí a toda aquela xente, entre a cal abondaban rapaces e rapazas moi noviños, eu acordábame de que a primeira vez que oín falar de Castelao na miña vida foi precisamente naquela mesma cidade, pero a principio dos anos sesenta.

Xa o teño contado moitas veces. Un día, Vicente Risco levounos á súa casa da rúa Santo Domingo a Xaime Quesada, José Luis de Dios e Arturo Lezcano. Alí vimos,  asombrados, o álbum Nós. Eu recordo que ao día seguinte, xa no café, aínda influído pola impresión do día anterior, lle preguntei a don Vicente se aquel tal Castelao fixera máis libros. Risco, sen amosar asombro de ningún tipo pola miña enorme ignorancia, explicoume que había outro libro daquel señor que debía ler, que el mesmo me podía prestar. Así lin Cousas.

No acto do xoves, durante o coloquio, un rapaz fíxome unha acusación tonta, á cal non lle respondín porque non tiña nada que responder. Acusoume de asistir, en San Domingos de Bonaval, a un acto sobre Castelao e de aparecer nel ao lado de Fraga. Debía ser un mozo radical. Non sabía moito do que falaba, pois armouse un lío ao tratar de describir o pensamento político de Castelao, pero sentíase moi seguro. Non ten demasiada importancia. A ignorancia cúrase co tempo. O que lle viría ben, en cambio, a ese mozo, é non deixarse dominar pola mala uva. A longo termo non compensa, pois converte a un nun chinche insoportable. E tódolos chinches, de maiores, acaban sendo feos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de febreiro de 2000.