La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Houbo unha época xa bastante lonxana, alá polos anos corenta ou cincuenta, na que case todos os rapaces, e supoño que tamén algunhas persoas maiores, lle tiñamos un medo irracional á lepra, unha enfermidade bíblica da que entón se falaba moito, supoño que non tanto pola doenza en si, absolutamente rara e infrecuente entre nós, canto porque na intensa vida relixiosa daqueles anos estaba moi presente a vida do padre Damián, o apóstolo dos leprosos, que se puña como exemplo de entrega xenerosa aos demais.

Foi este temor á lepra o que me levou a admirar o escritor R. L. Stevenson moito antes de que lese os seus libros. Nuns exercicios espirituais, o padre xesuíta que os dirixía dixo que o escritor xogaba á pelota cos nenos leprosos e que se negaba a poñer guantes, tal como lle recomendaba a súa muller, para non humillalos.

Pareceume que era un comportamento máis admirable que o do padre Damián, quizais porque carecía do dramatismo das boas accións que este realizaba por amor a Deus. O que Stevenson facía era xogar cos nenos leprosos e mostrarse delicado con eles, pouca cousa para chegar a ser santo, pero suficiente para ser boa persoa. Este ano cúmprese o centenario da morte do novelista. Convén recordar o seu bo corazón porque xa se anuncia a reedición da biografía mentirosa que lle dedicou Henley, tan cheo de envexa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de febreiro de 1994.