La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aquí en Nova York vai un frío que manca incluso por dentro dos pulmóns, tal como se a un lle metesen cristaliños na mesma respiración. Dan ganas de entrar nunha tenda e mercar uns mamelucos para vestir por debaixo da roupa, como os que usan as rapazas suecas no inverno e que alá chaman asasinos do amor. Con todo, o peor é a cabeza. Sen gorro, convértese nun trasto indefenso, incapaz de pensar, limitada ao puro instinto de inventar medidas de emerxencia: subir a lapela do abrigo, dar palmadas, soprar para arriba…

Máis previsor que os demais, Perucho veu acoirazado: gasta gorro de astracán, o cal lle permite parar na rúa e facer un descanso antes de seguir cos contos que sabe, tan raros e sorprendentes que seguramente lle foron contados polo demo. A non ser que sexan inventados por el, que tampouco se pode descartar.

Pola súa parte, Rosa Regás, con esa fraxilidade de paxariño que se lle adiviña na cara, tan delgada que ás veces non ten máis que perfil, anda deportiva, como se aínda non se decatase de que vai moito frío. Para esta xente despistada é unha sorte: cando se dea de conta de que estamos a varios graos baixo cero, a temperatura estará subindo de novo. Polo que me concerne, se mañá non mellora o tempo, vou poñer gorro de ruso. En  primeiro lugar, aínda estamos case en Carnaval; e ademais aquí ninguén se fixa nun.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de febreiro de 1996.