La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola noite, un insomnio bobo tróuxome dando voltas pola casa, sen facer nada, durante case unha hora, ata que se me ocorreu baixar ao salón e poñer un vídeo. Elixín sen motivo Casablanca, a película dirixida por Michael Curtiz e interpretada por Humphrey Bogart e Ingrid Bergman. Aínda que a sei case de memoria, paseino ben. De Bogart fascínanme a seguridade de ferro e a valentía do seu personaxe, el que na vida privada era un home moi inseguro e covarde, capaz de esconderse nos lavabos dun club e non saír ata que estaban lonxe, detidos pola policía, os agresores da súa muller. Entón púxose a berrarlles.

As persoas que coñeceron e trataron o actor falan bastante mal del. Din que era insoportable e que non aceptaba guións nos que non aparecese como o máis guapo e o máis listo. Iso parece certo, pero a min, a pesar de todo, Bogart cáeme ben. Por dúas razóns. A primeira porque morreu dunha maneira moi digna, soportando as dolores terribles que padecía, sen queixarse, aturando todo para si.

A segunda ten que ver coa rodaxe da película Sabrina, de Billy Wilder. Bogart fíxolle prometer ao director que, ao final do filme, sería el quen quedaría coa moza, interpretada por Audrey Hepburn, e non William Holden. Wilder cumpriu e tratou de compensar o outro asignándolle un fermoso coche deportivo. No guión, non na realidade. Bogart púxose tan contento que miraba o seu rival por riba do ombro. A este, en cambio, non parece que lle importase demasiado. Despois de todo, cando remataban as sesións de rodaxe, víase en segredo con Audrey Hepburn, pois estaban namorados. Como perdedor, Bogart foi humano e fantástico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1999.