La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Polo que eu sei, coñecín dous heroes na miña vida. Dun deles, xa falei aquí: un antigo soldado da División Azul que apareceu por Ourense alá polos anos cincuenta e a quen as autoridades proclamaron publicamente como un home exemplar e lle regalaron unha gabardina. O outro foi un raparigo da miña terra que lle disputou unha ovella ao lobo e avisou a berros aos demais pegureiros da presenza da alimaña. Para este neno, que nunca saíra da aldea, o cura xuntou cartos entre os veciños e levouno a ver as Burgas á capital.

Unha dimensión tan humana de heroicidade contrasta coa grandeza épica que os servios lle atribúen ao célebre comandante Arkan, vitoreado con entusiasmo o domingo pasado na vila da súa moza, onde casou. Este home cruel, que matou moita xente, incluídos nenos, está considerado criminal de guerra polos americanos.

Desde que empezou a matar, Arkan converteuse nun home riquísimo, tanto que hoxe é un dos millonarios máis prósperos do seu país. O día da voda chegou con máis de seiscentos homes armados, todos pegando tiros ao aire. El mesmo, despois da cerimonia, colleu unha metralleta e púxose a disparar contra o sol entre os aplausos histéricos dos seus admiradores.  Cegos pola emoción, estes non se decataron da trampa. Un heroe verdadeiro nunca dispararía contra o sol, menos nun país en guerra, onde a xente morre de frío.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de febreiro de 1995.