La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Respecto da francesada, tal como contabamos aquí onte, ademais dos nomes dos cans e outros recordos pouco gratos dos mariscais Ney e Soult, na miña terra quedou tamén o nome de gabacho como alcume familiar. Eu coñecín polo menos un deles, que respondía así mesmo por Jotabé a causa das iniciais do nome de pía e primeiro apelido. Non sei que será del, aínda que supoño que andará por alá. Era un home pequeño e gracioso, listo como unha agulla, traballador e polifacético. Creo que vendía cabritos.

Antes de ter negocio de seu, andou empregado, como repartidor de polos nas aldeas da comarca. Aínda sendo analfabeto, levaba unha contabilidade curiosa nunha libreta, da que non se lle escapaban nin as crestas. Para conseguilo, inventou un sistema de escritura e de números, a base de debuxos e raias. Este Jotabé foi sempre un punto obrigado no Entroido.

Unha vez saíu cun aliguí, é dicir, unha cana de pescar con caramelos de cebo para os rapaces. Teño tamén idea de telo visto nalgunha ocasión vestido de bailarina. De saber algo das súas probables orixes, estou seguro de que a el mesmo se lle ocorrería vestirse de Mariscal de Francia. Un mariscal do imperio con pinta de golfo e pícaro, charlatán e acelerado, pero máis simpático que Ney. Porque pouco simpático debía ser este cando acabou convertido en nome de can.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de febreiro de 1996.