La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai catro ou cinco días, mentres viaxaba eu só no meu coche de Santiago a Vigo, pola noite, fun escoitando na radio un programa deses nos que a xente se confesa sen medos nin prexuízos e se escoitan unhas barbaridades que parecen tiradas dun manual de patoloxía psiquiátrica. Xa noutra ocasión, haberá oito ou nove meses, nunha  circunstancia semellante, escoitáralle dicir a un rapaz de dezaoito anos, despois de dar moitas voltas arredor do asunto, pois non se atrevía a contar unha experiencia que el mesmo xulgaba demasiado forte, unha frase que resultaba chocante incluso nun medio tan desinhibido como aquel: “Tengo un lío con mi abuela”.

Nesta ocasión, a cousa non chegou a tanto, pero houbo un señor que quería saber cal era o prezo dun home. Explicou con claridade que el se vendera por medio millón de pesetas, aínda que a locutora non conseguiu arrincarlle o obxecto da transacción, e solicitaba que se alguén tiña esa mesma experiencia, que chamase ao programa para comunicala. Chamaron dúas persoas, un home e unha moza.

A moza dixo que ela se vendera nunha ocasión por unha laranxa. Polo que tirei en limpo, nada importante: chamarlle guapa a unha amiga, cando en realidade era feísima, para conseguir que lle dese a merenda. O home resultou ser filósofo e algo poeta, pero en brando. Dixo, entre outras cousas, que todo o mundo tiña un prezo, que o amor era cuestión diso e que o diñeiro mandaba no mundo. Ou sexa, nada. Non é que non tivese razón, que podía ter algunha, pero dito así, tiña mais ben pouca. Puido dicilo de maneira máis eficaz. Por exemplo coa letra do tango: “El verdadero amor se ahogó en la sopa, la panza es reina y el dinero es Dios”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 1999.