La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un periodista británico, James Whittaker, nunha ocasión contou que a raíña Isabel lle dixera unha frase fea: “Go away!”. Non é unha expresión amable, desde logo, algo así como se a raíña dona Sofía lle espetase a un xornalista español a palabra “¡Lárguese!”. Houbo protestas, non tanto para a soberana, como para o autor da reportaxe, que foi acusado de indiscreto e de quen se dixo que, se fose un cabaleiro, podería ter actuado con máis amabilidade, substituíndo a frase pronunciada por unha expresión menos forte.

Para defenderse, Whittaker contou a verdade porque, efectivamente, a raíña de Inglaterra nunca dixera tal cousa, senón outra bastante peor. En realidade, o que dixo foi “Fuck off!”, que eu non me atrevo a traducir, pero que o lector que non saiba inglés poderá adiviñar sen moito esforzo: en español, ese verbo empeza por “j”.

Quere dicir que a señora ten xenio e que se enfada en gordo, o cal non está demasiado mal. As explosións do sangue, sempre que non consistan en bombas ou petardos, resultan humanas. Non se pode entender con tanta benevolencia, en cambio, unha frase pronunciada pola súa irmá, a princesa Margarida, que referíndose ao presidente da Güiana dixo: “Ese home representa todo canto detesto: é negro e está casado cunha xudía que, por riba, é americana”. Se non fose unha estupidez, sería unha canallada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de febreiro de 1998.