La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que agora teñan máis de cincuenta anos recordarán a Caryl Chessman. A súa execución na cadeira eléctrica, que tivo lugar no penal de San Quintín alá polo ano 1960, conmoveu a medio mundo, excepto a quen tiña que conmover de verdade: as autoridades de California, que se negaron a conmutar a pena de morte pola cadea  perpetua. Que eu recorde, aquel foi o último gran combate da opinión pública de todo o mundo en contra da pena capital. Con todo, non serviu para salvar a vida daquel home.

Era certo que Chessman estaba acusado de crimes horrendos, se ben é verdade que el sempre se proclamou inocente. O problema non era ese. A xente púxose do seu lado porque levaba doce anos librándose da morte polos pelos, conseguindo aprazamentos no último minuto, ás veces cando xa estaba sentado na cadeira eléctrica.

Foi tal a presión internacional que parecía que Chessman sería indultado. O corazón do gobernador de California, non obstante, non se deixou impresionar: tiña unha couraza de ferro arredor, que el denominaba xustiza e que quizais fose algo menos nobre. Onte mesmo, un colega del, que recentemente fixo outro tanto cun rapaz sentenciado, exerceu en cambio as súas facultades de graza a favor dun can que estaba condenado a morte por comer unha galiña. Non parece un grande avance, pero algo é algo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de febreiro de 1997.