La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A semana pasada atopeime nunha cea con don Agustín Madarnás, que foi profesor meu de Literatura cando eu era aínda un rapaciño de catorce ou quince anos. Coincidimos con el un pequeno grupo de antigos alumnos e todos nos puxemos a recordar, cada un dunha maneira, detalles daqueles tempos de estudantes. Hai quen se acorda sobre todo das cousas negativas e hai tamén quen non ten memoria máis que para as situacións cómicas ou graciosas. Outros prefiren evocar os suspensos e as incidencias da vida académica.

Eu non me esquecín daquelas clases nas que liamos a Fernández Flórez ou a Azorín, que supoño debían ser lecturas bastante avanzadas para a época, cando había tantos pecados relacionados cos libros. Non se podía ler a Baroja, por exemplo, nin a Ortega; moito menos a Unamuno, que xa estaba no Índice de Libros Prohibidos.

O que eu aprendín daquel profesor foron algunhas cousas sinxelas, que son as importantes. Meteume na cabeza a desconfianza fronte á escuridade e ás florituras, que con frecuencia non serven máis que para disimular a vacuidade, da mesma maneira que as salsas enmascaran moitas veces os malos sabores ou a falta de substancia. Como eu era aínda moi novo, pasei esas virtudes do campo da literatura á vida de todos os días, que é do que se alimentan estas notas. Despois de todo, do que se trata é de non aburrirse demasiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de febreiro de 1994.