La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día estiven vendo un deses programas de televisión onde falan moitas persoas como se estivesen nunha tertulia. Para min son os máis interesantes de todos,  especialmente cando concorren algúns personaxes pintorescos ou curiosos, que case nunca faltan. Como vin que na lista desa noite figuraba un escritor a quen lle teño oído defender outras veces a necesidade de crear hospitais para grilos e cousas dese estilo, dispúxenme a pasar unha hora divertida. Tal como esperaba, non saín decepcionado.

O centro do programa era un señor do fútbol, presidente falangueiro e trapalleiro dun club de Madrid, de quen se podería dicir, tendo en conta a falta de inhibicións coa que fala, que carece de subconsciente. Esa maneira de actuar parécese bastante a unha pornografía feita de carne gorda, xestos feos e xente horrorosa.

Como era de esperar, a sorpresa deuna o escritor dos grilos, que dixo do citado individuo que era un ser excepcional, distinto da vulgaridade xeral que reina no país. Para que se entendesen ben as súas palabras, comparouno co filósofo Nietzsche. Nese momento, eu xa me daba por satisfeito co programa, pero non esperaba o regalo final. Acabado de investir da condición de home exemplar, o home do fútbol dirixiuse a unha compañeira da tertulia e chamoulle “galiña choca”. O máis curioso de todo é que todo o mundo se enfadou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de febreiro de 1995.