La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na última novela de Tom Wolfe, ese famoso escritor norteamericano pequeno e miúdo, calzado con botíns antigos e con aspecto de xogador de casino, hai unha frase que trae de cabeza a unha boa parte do mundo literario do seu país. Na páxina 228 da edición orixinal, cando os protagonistas do relato, o magnate Charlie Croker, personaxe baseado no modelo dun home rico de Miami, e Serena, que será a súa segunda muller, máis nova ca el, entran no cuarto dun motel de pouca monta, ela saca unha cunca do bolso e ambos os dous, segundo as palabras do narrador, “fixeron aquela cousa coa cunca, da cal el nunca oíra falar na súa vida”.

Non sei se debido a que algún lector deu a voz de alerta e converteu os seus malos pensamentos en curiosidade colectiva ou que algún espabilado axente comercial bateu con esa tecla para vender mellor o libro, o caso é que todo o mundo anda dándolle voltas á citada frase, que non é, desde logo, nada parecido a unha desas citas fermosas de Shakespeare tan coñecidas.

As interpretacións dos críticos, polo que levo lido, son variadísimas, pero todas coinciden en que non lles resulta nada fácil imaxinar a que se refire Tom Wolfe con esas palabras. Se a historia segue así e a xente non deixa de darlle voltas ao asunto na cabeza, haberá que facer algo, quizais unha explicación do propio autor aclarando o enigma, no suposto de que este poida ser aclarado. Caso contrario, poderían ocorrer dúas cousas, unha positiva e outra negativa. A primeira, que se incrementen, para ben da industria, as vendas de cuncas nos grandes almacéns. A segunda, máis preocupante, que alguén trague unha cunca ou que se corte de mala maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de febreiro de 1999.