La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un profesor inglés está facendo a historia do cuberto. Parece que é obxecto de orixe oriental, como outros refinamentos que nos chegaron de alá. Puido empezar con el algún chinés escrupuloso, quizais neurótico, que sentía reparos en usar os dedos para comer. Despois pasou a ter dous, máis tarde tres, finalmente catro. Nos primeiros momentos considerouse cousa de mulleres e homes ridículos. Un verdadeiro macho debía usar coitelo de punta afiada ou pringar as mans.

O mesmo profesor pensa seguir despois coa historia da culler, que asegura resulta máis difícil de seguir. E non renuncia a coñecer as orixes do coitelo, o vaso, o abrenoces, a cafeteira… É dicir, todos eses artefactos marabillosos e prácticos dos que nos valemos todos os días e aos que apenas lle prestamos atención.

En xeral, os historiadores non son moi partidarios de entrar nestas miudezas, pequenas cagadiñas de mosca na inmensidade maxestuosa da historia. Sabemos moito de como apareceu o canón e a pistola, pero ignórase case todo da cama, a cadeira, a mesa, o forno ou o caldeiro, e probablemente se descoñece aínda como xurdiron os mallós das chancas, antecesores primitivos dos modernos cordóns dos zapatos. Quizais sexan temas insignificantes para un investigador, pero son fundamentais para a vida da xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xaneiro de 1994.