La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Durante anos, Ramón Piñeiro e mais eu acudimos moitas veces a comer nun restaurante de Santiago onde nos atopabamos cómodos, entre outras razóns porque dispuña dun comedor tranquilo, no que era posible falar sen necesidade de compartir a conversa coas mesas veciñas. Ramón, que fora un home de grandes renuncias, gozaba con pouco. Para el, unha longa tertulia de sobremesa, intranscendente e amigable, convertíase nun acontecemento. Sen renunciar, por suposto, ás delicias do propio xantar, que valoraba.

Había naquel restaurante un camareiro lareta e simpático que lle sacaba as colores a Piñeiro dicíndolle eloxios na súa presenza. O home non acababa de entender que un señor tan importante, de quen a xente falaba con tanto respecto, fose tan sinxelo e tratase a todo o mundo como se fosen reis, e ademais con cariño.

Onte comín eu só naquel restaurante e, naturalmente, acordeime do meu querido amigo. O que non esperaba é que, durante uns momentos, ao meu lado, tres persoas tratasen de resolver, falando por teléfono, non sei que lío ocorrido cun coche, precisamente na rúa Ramón Piñeiro. Confeso que me deu a risa. Non me foi difícil imaxinar a Ramón facendo o mesmo, dicindo en voz baixa, en referencia ao feito de que lle dedicasen unha rúa, que a xente non está ben da cabeza. Non sempre se podía estar de acordo con el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xaneiro de 1996.