La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A semana pasada, nese par de días que estiven en Barcelona para dar unha conferencia, atopei nunha librería o volume número 46 das Obras completas de Josep Pla, que non tiña nin sabía que se publicaran, pois daba por feito que a recompilación dos escritos deste home rematara co volume inmediatamente anterior. De maneira que pasei o día contento, esperando que chegase a noite para empezar a lelo no cuarto do hotel. Chamoume a atención que o vello Pla, tan pouco deportivo e tan solitario, lle dedicase un artigo bastante extenso, que se recollía no libro, a Johan Cruyff, un dos máis famosos futbolistas de toda a historia do club Barcelona.

Como se dun presentimento se tratase, no tempo que pasei na cidade, apenas estiven nunha reunión de amigos, fose xantar ou cea, na que non se falase de fútbol, unha conversa que me aburre ata o sopor, cousa que non me sucede con algúns partidos dos que poñen na televisión. Para min, falar de fútbol é algo tan pouco atractivo como referir historias da mili ou contar unha película.

En realidade, máis que de fútbol, do que se falaba era do adestrador do Barcelona, un home discutidísimo, que suscita unhas fobias tremendas e que apenas esperta paixóns a favor. Polo que deducín, como ultimamente as cousas van moi ben para o equipo, os ánimos están máis calmados, pero a pouco que haxa algún traspés, botaranse de novo a este señor. Estiven dándolle voltas a esta furia tan pouco racional, tratando de entender o que sucede, e cheguei á conclusión de que todo depende dun ordenador, o mesmo que emprega o citado adestrador durante os partidos. Estou convencido de que esas modernidades aquí non gustan nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneiro de 1999.