La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos corenta, durante a Guerra Mundial, había nos Estados Unidos un comunista célebre, Earl Browder, a quen lle correspondeu a difícil tarefa de convencer aos americanos de que debían construír unha sociedade como a soviética. Era un home honrado, pero pouco realista. Naturalmente, morreu sen ver cumpridos os seus soños, aínda que convencido de que o futuro do mundo iría na dirección que el pensaba. Ese futuro, radiante e precioso, sería aquel no que probablemente vivirían os seus fillos ou os seus netos.

Un destes, Bill Browder, matriculouse na universidade de Chicago para estudar economía e alí atopou de fronte, comoprofesor, ao famoso Milton Friedman, un dos teóricos do libre mercado, é dicir, defensor de todo o contrario do que quería o avó Earl, aquel visionario inxenuo e optimista. O mozo quedou fascinado.

Cando caeu o muro de Berlín, o economista colleu a maleta e foise vivir a Sanok, unha pequena cidade no leste de Polonia, onde había que reestruturar unha grande empresa estatal. É certo que Bill tiña que comer porco tres veces ao día e que non podía durmir co frío, pero pagou a pena. Agora é un home rico e un dos gurús da nova economía dos antigos países comunistas. Non obstante, grazas a que non cría na inmortalidade da alma, o avó non terá que revolverse na tumba: a razón non está sempre dun único lado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xaneiro de 1996.