La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Barcelona chégame a noticia da morte de Xoan Manuel Casado, un importante poeta galego, tamén notable prosista, que foi galardoado co Premio Eduardo Blanco Amor de novela nunha das primeiras convocatorias. Era fillo de outro poeta, Manuel Casado Nieto, traductor da Biblia e fiscal da Audiencia de Barcelona, e da novelista Eva Carmona, finalista do Premio Nadal, que estivo a punto de ganar nun par de ocasións. Nacido na capital catalana, tiña as súas raíces na vila ourensá de Castro Caldelas, que lle inspirou un dos seus máis fermosos libros de versos. Había varios anos que eu non sabía nada da súa vida.

A última vez que preguntei por el dixéronme que só se dedicaba a ver corridas de touros, de praza en praza, por España adiante, entregado a unha paixón que sentira desde neno. Caíanlle ben esas rarezas. Eu trateino bastante, como tratei ó seu pai, de quen lle contei algunhas historias divertidas do don Juan que fora na mocidade, as cales me chegaran a través da miña nai. O fillo gozaba con aqueles contos dun pai tan seductor.

Se non fose por esta morte temperá, poderíase dicir que Xoán Manuel foi un privilexiado. Desde neno, pasaba as vacacións de verán no Castro, onde dispuña dunha habitación coas paredes decoradas de fermosos monigotes pintados por Vicente Risco. De mozo, participou nas loitas estudiantís, pero ocultaba as multicopistas clandestinas debaixo da cama, ata que un día lle descubriu unha o seu pai, o señor fiscal, que o obrigou a acompañalo para tirala por un barranco. Encantáballe o disparate, quizais por fuxir da vida regalada que lle tocara. Era inocente e despistado, intelixente e divertido, moi bo poeta. E unha gran persoa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xaneiro de 2002.