La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un escritor inglés que agora vive en América, Richard Rayner, acaba de confesar no último número da revista Granta, que me chegou onte, como roubaba libros, non só cando era estudante en Cambridge, senón moito despois, cando se supuña que debía ser unha persoa seria e respectable. Non roubaba ademais esas edicións baratas en rústica de pouco valor económico; arramplaba tamén con preciosas edicións de bibliófilo, obras antigas de bastante prezo, coas que acabou formando unha magnífica biblioteca.

Lendo o artigo de Rayner, veume á memoria unha escena que presenciei hai xa moitos anos naquela curiosa librería que o meu amigo Eduardo Hernández tiña nun portal da Rúa do Vilar, en Santiago. Cheguei no momento en que o libreiro lle estaba botando unha bronca implacable a un poeta ao que collera roubando.

Durante anos, tiven ao citado vate por un miserable, sobre todo porque os seus libros estaban cheos de sonetos a Cristo Sacramentado. Co paso do tempo, fun aprendendo a entender a aquel home, sorprendido nun instante fatal: un pequeno descoido de Eduardo ou unha maior habilidade por parte del e sairía daquel transo coa cabeza moi alta, como un señor. Desde logo, observando a sociedade española actual, tan estrita, de cando en vez convén recordar tamén estes pequenos senvergonzas. Incluso resultan simpáticos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xaneiro de 1995.